Thursday 09 de May de 2024

Finalizadas as dúas novas obras de mellora da pavimentación na parroquia de Oleiros


Entre ambas actuacións investíronse máis de 70.000 euros

O Concello de Riveira informa da conclusión de dúas obras de mellora da pavimentación na parroquia de Oleiros: unha que se sitúa na estrada principal de Lixó e outra consistente nun camiño que une este último lugar co de Os Muíños. Entre ambas suman máis de 70.000 euros de investimento e supoñen o acondicionamento de 1.700 metros de vías.

Así, polo que respecta á actuación na estrada de Lixó, foi executada pola empresa Canarga por un importe de 35.500 euros. A obra conta co financiamento da Unión Europea (Fondos Feader), do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, e da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo notificación da resolución de concesión de subvención de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Esta estrada presentaba un pavimento con aglomerado asfáltico moi deteriorado nalgúns tramos, co que se mellorou o firme a través dunha nova capa de aglomerado asfáltico en quente de 5 centímetros de espesor nunha lonxitude de 868 metros lineais (4.58 metros cadrados), ao tempo que se ampliou en 80 centímetros a plataforma de rodadura.

Por outra parte, a mellora do camiño que une os lugares de Lixó e Os Muíños supuxo un investimento de 39.149 euros e foi executada por Nemesio Ordóñez, S.A.. Este tramo, de 825 metros de lonxitude e un ancho promedio de catro metros, rexistraba un pavimento de aglomerado asfáltico en mal estado, con zonas de sobreanchos sen pavimentación e cunetas en ambas marxes.

O proxecto técnico que se desenvolveu perseguiu renovar o firme do camiño e mellorar á súa calidade, conseguindo desta maneira facilitar a accesibilidade a todas as fincas en xeral e particularmente as explotación agrícolas e montes veciñais en man común da contorna.

Para tal fin, estendeuse unha nova capa de aglomerado asfáltico en quente de seis centímetros de espesor, ao tempo que se amplicou en 50 centímetros o ancho da plataforma de rodadura. Tamén se limpiaron as cunetas e acondicionarase o acceso que dá entrada ás fincas.

Esta actuación contou cunha achega autonómica que se adscribe ao plan marco de mellora de infraestruturas cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (FEADER) ao abeiro do PDR Galicia 2014-2020.